Friday 17 de May de 2024

Case 350 técnicos e profesionais do sector participaron nas seis xornadas organizadas para difundir o Pacto Social pola Vivenda


A responsable galega pediu a colaboración dos concellos para que as medidas e accións previstas no pacto cheguen ás persoas e colectivos ás que van dirixidas

As xornadas telemáticas organizadas pola Xunta para dar a coñecer o Pacto Social pola Vivenda 2021-2025 entre os principais colectivos implicados na súa posta en marcha reuniron desde o mes de febreiro a preto de 350 técnicos e profesionais de diferentes colectivos relacionados co sector da vivenda.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, inaugurou esta mañá o último dos seis webinarios promovidos con este fin e que, nesta ocasión, ía dirixido a concellos e entidades locais. Así, a responsable autonómica dirixiuse aos case 60 técnicos e responsables municipais inscritos para agradecerlles o seu papel tanto na elaboración do devandito documento, como na posta en práctica do medio cento de medidas que inclúe.

Neste sentido, agradeceulles a súa contribución ao deseño da que está chamada a ser a folla de ruta a seguir nos próximos anos en materia residencial e que combina iniciativas novidosas con outras que xa teñen demostrado a súa eficacia para mobilizar un investimento estimado de 1.080 millóns de euros e beneficiar a unhas 70.000 familias galegas.

Por iso, Ángeles Vázquez considerou de vital importancia para a Xunta poder contar a partir de agora coa colaboración do municipalismo galego, agardando que, como administración máis próxima ao cidadán, actúe de “interlocutor” con todos aqueles colectivos aos que van dirixidas as accións previstas no Pacto Social pola Vivenda co obxectivo común de que “nin un só euro” dos que se destinarán á súa execución quede sen aproveitar.

Así mesmo, tamén se referiu ás subvencións en materia de vivenda que son de especial interese para os concellos, xa que van dirixidas especificamente a eles. En concreto, como son as axudas de eficiencia enerxética recentemente convocadas cun orzamento de 8,5 millóns para 2021 e que poderán solicitarse ata o 31 de xullo; ou o programa para a conservación, mellora da seguridade e accesibilidade, con prazo aberto ata o 30 de novembro e unha partida de 680.000 euros.

De igual xeito, tamén lles avanzou que este mesmo mes abrirase unha nova convocatoria do Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo, dirixido a facilitar préstamos sen xuros e en condicións vantaxosas para financiar actuación de rehabilitación con fins residenciais a concellos de menos de 50.000 habitantes.

Na mesma liña e apelando ao “traballo e esforzo” que desenvolven a diario as entidades locais, a conselleira indicou que ademais de agardar o seu apoio para darlle a maior difusión posible ao contido do pacto, a Xunta tamén quere colaborar con elas facilitándolles novas ferramentas e recursos cunha aplicación práctica en materia residencial e que contribuirán a mobilizar máis vivendas ou garantir o acceso á mesma nas mellores condicións posibles.

Nova plataforma de núcleos rurais abandonados
De feito, este último webinario sobre o Pacto Social pola Vivenda 2021-2025 tamén serviu para que o director do IGVS, Heriberto García, dera a coñecer a nova plataforma informática de núcleos rurais impulsada polo seu departamento co fin de facilitar o contacto entre propietarios de inmobles localizados en ámbitos abandonados e persoas interesadas na súa adquisición para poder rehabilitalos. A posta en marcha desta nova ferramenta está prevista para as próximas semanas.

Así mesmo, os representantes das entidades locais participantes na xornada tamén recibiron información sobre a inminente entrada en funcionamento do Rexistro galego de informes de avaliación dos edificios (Regiae), unha ferramenta na que os concellos terán que inscribir os novos informes de avaliación de edificios (IAE).

Cómpre lembrar que este trámite será obrigatorio para aqueles edificios de carácter residencial que teñan 50 anos ou máis desde o momento en que entre en vigor o decreto polo que se regula este novo instrumento e se crea o devandito rexistro, aprobado polo Consello da Xunta a semana pasada e pendente da súa publicación no DOG.